Blogia
LA CASCADA DE BABEL: Historia, Letras, Libros

Unha novela, unha vida. Sol de Inverno

Unha novela, unha vida. Sol de Inverno

Recentemente tiven ocasión de compartir un día marabilloso en Allariz con Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976).  Unha das mellores persoas que cheguei a coñecer a través da miña profesión de bibliotecaria e, ademais diso, unha estupenda construtora de universos literarios. Regalounos a súa presencia, o seu talento, os segredos do seu xeito de escribir  e a súa capacidade para contaxiar paixón pola letra impresa.

Veño de rematar a lectura de Sol de Inverno (premio Xerais de Novela 2009), que, ao igual que Resistencia, ten un denso trasfondo histórico. Pero a Sol de Inverno, cábelle dentro unha vida. A vida de Inverno, que fala de ausencias, de remorsos, de guerras, de tristuras, de escritura, de mar, de viaxes, de morriña, de memoria. Porque a Inverno vaille a vida en lembrar. Unha novela circular tecida pola voz da memoria, que pode ensinar aos mozos máis historia contemporánea que calquera manual de escola.

Eu non entendo de premios. Pero si sei que Rosa escribe porque lle encanta facelo. Tamén sei que lle encanta aprender dos seus lectores. Tamén vin que os seus ollos gradan aínda ese asombro perpetuo que lle permite seguir sendo quen é. E nós, lectores empedernidos que (re)creamos os seus libros páxina a páxina, dámoslle a grazas. Por escribir, si, e por facelo na nosa lingua.  Pero tamén por ser.

0 comentarios