Blogia
LA CASCADA DE BABEL: Historia, Letras, Libros

A solaina quedou sen uvas... Marcos Valcárcel, in memoriam

A solaina quedou sen uvas... Marcos Valcárcel, in memoriam

"Se vas a traballar sobre isto, le primeiro o que fixo Marcos". Así empezaban moitas recomendacións dos meus mentores e hoxe colegas, cando era estudante de Doutorado. Cando da Historia de Ourense se trata, sempre hai que seguirlle os pasos a Marcos. E falo del en presente porque me costa falar en pasado. Marcos Valcárcel López (Ourense, 1958-2010) foi historiador, profesor, dinamizador cultural, motor do tecido asociativo, activista político, nacionalista convencido, falador cordial e un cachiño de Ourense en si mesmo. Desde A Cascada de Babel seguimos desde hai tempo o seu blog As uvas na solaina. 

Un colega meu sempre di que hai profesións para "facer" e outras para "ser", e que a de historiador é unha das últimas. Se alguén definiu na súa persoa ese "ser historiador" foi Marcos. Lembro perfectamente o día en que souben que unha atroz enfermidade se cebara nel, e cómo os amigos e colegas apuraron os recoñecementos que, sen dúbida, todo home de ben merece en vida. Xa moi afectado polo mal, asistiu á apertura da biblioteca que leva o seu nome no IES A Carballeira, no que tantos anos diu clase. A súa obra, e o seu compromiso son xa patrimonio de todos os ourensáns; o seu espírito e o do seu maxisterio seguirán vivos como espello nos que os historiadores novos desexamos mirarnos

Coherente como era, non quixo exequias relixiosas. Un acto cívico no Liceo, ese lugar tan querido para el, no que tan entusiásticamente dirixiu a Sección de Literatura, foi o escenario do adeus dos seus amigos. Deixo o enlace á emotiva crónica do mesmo, aquí. 

Ata sempre, Marcos!! Ourense é desde hoxe un pouquiño máis gris sen ti...

[No Liceo] pódense ver hoxe cos ollos da alma aquí reunidos a Lamas Carvajal, aos homes da Xeración Nós, a Alexandre Bóveda, a Manuel Suárez e a moitos outros. Marcos Valcárcel estará sempre con nós.

Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da RAG

0 comentarios