Blogia
LA CASCADA DE BABEL: Historia, Letras, Libros

Murguía. Biografía da paixón por Galicia

Murguía. Biografía da paixón por Galicia

A Colección Grandes Biografías da Editorial Galaxia non puido buscar mellores ingredientes. Xuntar ao Prof. Xosé Ramón Barreiro (Ribeira, 1936) con Manuel Antonio Martínez Murguía (Froxel, Arteixo, 1833 – A Coruña, 1923) foi todo un acerto, que desde este blog celebramos. Da gusto disfrutar cousiñas tan boas recén saídas do prelo. Veño de ler a monumental obra que o catedrático da Univesidade de Santiago de Compostela lle dedica ao primeiro presidente da RAG, e nunca 800 páxinas me pasaran tan rápido.

Porque se algo ten a biografía de Barreiro é pulcritude, documentación e honestidade. Abarcar os 90 anos dunha vida tan complexa e dun carácter tan peculiar non é tarefa sinxela. Barreiro consegue que nos mergullemos no s. XIX galego e que os 130 cm de Murguía (a quen os maledicentes que non podían competir dialecticamente con el alcumaban “tarrito de pomada” ou “gnomo”) nos leven da man nunha viaxe marabillosa. Polas súas páxinas desfila o Murguía neno marcado pola separación temperá dos pais; o Murguía universitario mal estudante de Farmacia e enfrontado ao pai; o Murguía xornalista en Madrid e mozo de Rosalía; o Murguía meniñeiro e amoroso pai de sete fillos dos que naceron vivos cinco (moito chorou a morte por tuberculose aos 29 anos do xemelgo de Gala, Ovidio, artista da chamada Xeración Doente, que lle puido ter dado un neto que impedise a extinción da estirpe, pero non foi recoñecido); o Murguía político e comprometido con Galicia; o Murguía historiador e arquiveiro, expedientado polas súas arroutadas de xenio; o Murguía pedichón cos amigos, que o veneraban na “Cova Céltica”; o Murguía viúvo e construtor do mito rosaliano; o Murguía presidente da RAG e polemista ata a fin dos seus días. O marido de Rosalía foi todo isto e moito máis. Dotado dunha extraordinaria erudición, que adornaba cun irascible carácter e uns ollos azuis sempre retranqueiros, puxo a Galicia por diante mesmo renunciando á carreira política madrileña que si tiveron amigos como Salmerón ou Castelar. A incomprensión foi algo co que tivo que loitar permanentemente, co gran apoio de Rosalía mentres foi a súa compañeira de viaxe. Nunca foron unha parella ao uso da época: independentes, compenetrados intelectualmente e namorados, a xulgar polo ton das múltiples cartas que se escribían ao estaren separados.  Eu salientaría dous aspectos pouco coñecidos que este libro pon de relevo: Murguía como autor de La primera luz (1859), o primeiro manual escolar para nenos que inclúe o feito diferencial galego; e como construtor dunha versión do mito de Rosalía da que sempre se considerou factótum e garda.

A documentación que se conserva na RAG debeu de ser un verxel para Barreiro, tamén presidente desta institución entre 2001 e 2010. Un notable exemplo de biografía contextualizada, traballada e apaixonada, sen caer en extremismos. Un libro á altura do biografado, sen dúbida. 

1 comentario

Fervenza babelí -

Manuel Rivas recomenda tamén achegarse a esta biografía "Cómpre ler Murguía, de Xosé Ramón Barreiro. É un pecado non perderse neste libro, a máis sorprendente biografía publicada en Galicia nos últimos anos. O xénero prospera con talento e coas pescudas de tritóns mergulladores"
Véxase artigo completo en:
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/09/13/galicia/1347564792_188962.html