... e chegou Feijóo e mandou esquecer
Estaba cantado... Só facía falta iniciar a conta atrás para saber cando a nova Xunta ía comezar a pecharlle a billa ás iniciativas de investigación relacionadas coa represión franquista en Galicia. E a conta atrás chegou á súa fin para o Proxecto Interuniversitario "Os nomes, as voces, os lugares", que arrancou hai tres anos. Co gallo do Ano da Memoria (2006), o bipartito decidiu destinar fondos para a primeira gran investigación coordinada sobre o impacto e cuantía da represión franquista. Por fin, as víctimas ían ter nome, os lugares ían ser descubertos, as voces das testemuñas ían quedar gravadas para a posteridade. Compañeiros meus viñan traballando arreo, coa axuda de bolseiros, e os primeiros resultados están comenzando a saír á luz.
Ata que chegou Feijóo. O esclarecemento do aspecto máis negro da nosa Historia recente non estaba entre as prioridades da nova Xunta. Pero claro, pechar polas boas un proxecto desta magnitude (no que están implicadas as tres Universidades galegas e investigadores de recoñecido prestixio) non é tarefa sinxela, así que o novo Goberno escolleu unha vía máis discreta: o afogamento económico. As partidas orzamentarias asignadas pola Consellería que agora dirixe Roberto Varela, a penas chegan a cubrir os gastos do mentemento da páxina web. ¿Explicación oficial? Que co traballo feito ata agora hai material abondo para investigar e que os osbxectivos trazados non son prioritarios para o novo equipo da Consellería. Semella que investir no Xacobeo rinde máis... e con menos risco. Porque isto de remexer nos mortos só é cousa de rojos separatistas e non dá tantos titulares como un bo concerto no Monte do Gozo. Realmente vergoñento e insultante para todos: víctimas, familiares, investigadores, estudantes, cidadáns. Porque nos están furtando unha parte da nosa Historia, e pisoteando un traballo de tres anos que por vez primeira se estaba abordando de xeito sistemático.
Dicía unha viñeta de Castelao que o alcohol servía para esquecer penas pero as condenadas aboiaban. Quizais sexa tempo de lembrarlle ao novo conselleiro de Cultura que os cadáveres dos asasinados por Franco cumplen aquí identica misión: aboiar nas conciencias, para que non esquezamos de onde vimos. Aínda que sexa sen cartos.
1 comentario
portafolio -