Blogia
LA CASCADA DE BABEL: Historia, Letras, Libros

Agustín Fernández Paz, a ledicia das letras galegas

Agustín Fernández Paz, a ledicia das letras galegas

Nestes tempos tan negros para a lingua galega, é unha ledicia para este blog compartir unha boa nova: Agustín Fernández Paz (na imaxe) vén de gañar o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Vaia desde aquí a nosa garimosa noraboa. Sobradamente coñecida é a traxectoria deste lucense de Vilalba, galardoado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2008 por O único que queda é o amor, editada un ano antes. Os que temos traballado a animación lectora con adolescentes sabemos o importante que é manter este hábito máis alá da permanencia no sistema educativo formal. Tamén sabemos o moito que o seu público quere a Agustín onde queira que vaia presentar os seus libros e compartir gratos intres de parola cos rapaces.

Este premio chega nun bo intre, polo que implica de recoñecemento á lingua galega e a súa amplísima produción literaria. Por iso, quero aproveitar este post para berrarlle ben alto á Xunta que nos goberna que con recortar os investimentos en educación e tentar silenciar a repercusión deste premio na TVG polo compromiso do seu autor [podedes ver a crítica da Mesa pola Normalización Lingüística a este feito aquí] non van conseguir nada. Porque somos moitos osque sabemos o que vale unha fala, tanto en Galiza como fóra. Os nosos autores e autoras son parte do noso patrimonio, e como tal debemos preservalo e defendelo. Coa lingua indignámonos, comunicámonos, amámonos, situámonos no mundo e presentámonos nel. E moito máis ca un conxunto de signos: é unha identidade. Por iso van a por ela. Pero non han poder.

[P.D.: Por extensión, este post está dedicado a todos os autores e autoras que escriben en galego, por poñerlle voz no mundo a todas esas cousas "demasiado gallegas" que nos identifican como pobo. Grazas!]  

0 comentarios