XIV Semana Galega de Historia: avanzando resultados!
A historiografía galega tense incorporado con notable retraso á investigación histórica do franquismo. Malia os avances habidos desde o ano 2006 na sistematización real do número de vítimas da represión en Galiza, o estudo coherente doutras dimensións coma os apoios sociais cos que contou, seguen a ser deficientes. Este ano, a XIV Semana Galega de Historia está precisamente adicada a Franquismo, Investigación Historiográfica e Memoria Histórica. E por iso, nós non podiamos faltar. Do 29 de novembro ao 1 de decembro, A Coruña e Sigüeiro (Oroso) acollerán este Congreso xa clásico da Asociación Galega de Historiadores.
O vindeiro xoves 29, na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, presentaremos o estado actual do Proxecto de Investigación da Universidade de Vigo "Disidencia, consenso y actitudes sociales durante el primer franquismo. Galicia, 1940-1953", no que participamos desde o ano 2011 e que conta con financiación de ámbito nacional. En efecto, un estudo desprovisto de mitos e apriorismos, amosa que o abano de actitudes sociais fronte á ditadura, foi máis amplo do que se pensaba. Desde a colaboración máis consciente até a oposición radical da guerrilla, intentaremos analizar a dimensión sociopolítica dun fenómeno que aínda non fora obxecto de investigación sistemática. Presentaremos os obxectivos cos que naceu este Proxecto, os resultados obtidos até o momento e a previsión de accións en curso.
Non estaremos soas. Con nós estarán outros moitos investigadores /-as do franquismo en Galiza. Haberá tamén interesantes actividades paralelas, taxas de matrícula moi accesibles, e un viño galego con petiscos nos actos de clausura. Podedes descargar o programa completo aquí. Unha boa oportunidade de intercambiar ideas e sobre todo, difundir resultados e dar un valor social a toda a magnífica investigación histórica que se está a facer no País. Nunca deixou de ser necesaria. Mais, nestes tempos de crise, é xa unha tarefa imprescindible e irrenunciable.
0 comentarios