Os Premios María Moliner 2011 falan galego!
O Ministerio de Cultura español vén de facer públicos os Premios María Moliner de Animación á Lectura 2011. Estes premios co nome da bibliotecaria e lexicógrafa zaragozana, están pensados para recoñecer iniciativas bibliotecarias locais que contribúan ao fomento da lectura, habitualmente entre nenos e mozos. As bibliotecas de Tuéjar (Valencia), Pozoblanco (Córdoba) e Oleiros (A Coruña) son as galardoadas. Asimesmo, recibiron mención polas súas boas prácticas as bibliotecas de Iurreta (Biscaia), Castuera (Badajoz) e Cieza (Murcia). Vaia desde este blog a nosa noraboa.
A rede de bibliotecas municipais do Concello de Oleiros figura entre as máis activas e e eficaces do país, o cal demostra que unha boa xestión para poñer a cultura ao alcance dos cidadáns é tamén un investimento en calidade de vida. O programa Lecturas Refrescantes que puxeron en marcha este pasado verán así o proba: unha guía con 308 recomendacións de lectura que nace co dobre obxectivo de "presentar obras de calidade literaria, artística ou científica para animar a súa lectura, audición ou visionado e lembrar que un libro, un cd ou dvd son tamén un bo agasallo".
Nestes días nos que a miña investigación sobre as Bibliotecas Escolares me absorbe tanto tempo e esforzo, estes premios a pequenas bibliotecas locais volve a lembrarnos da importancia do hábito lector na infancia, e da importancia de mantelo na adolecencia. Lémbranos tamén que todas estas iniciativas que tanto nos gusta ver nos xornais necesitan cartos, pero sobre todo, motivación e compromiso por parte de usuarios, pais e bibliotecarios. Porque o reto das bibliotecas non reside só en dar de beber na fervenza de libros aos lectores afeitos, senón tamén en espertar a sede dos que habitualmente non a senten...
E iso, queridos babeleiros, non vos é tarefa sinxela. Lede... e inoculade o vicio ao voso redor. Nunca é semente perdida!
0 comentarios