Blogia
LA CASCADA DE BABEL: Historia, Letras, Libros

Olhada a Portugal

Olhada a Portugal

De volta da miña terceira viaxe a Lisboa, trouxen comigo unhas cantas reflexións. As dúas viaxes anteriores foron por motivos ben distintos, e nun contexto económico máis benéfico que o actual. O que atopei desta volta foi un país consciente dunha crise que non provocou, e cheo de cartaces (como o que ilustra este post, en plena Praça do Comércio) contra as medidas que os grandes do capital recomendan como receita infalible: abaratamento do despido, supresión de políticas sociais, debilitamento do Estado de Benestar.

Isto contrasta coa imaxe que os medios de comunicación españois transmiten do país, ancorada naquel "Menos mal, que nos queda Portugal" que segue a ser para algúns un indicador válido do ben que nos vai nestoutra beira do Miño. Pois non, señores. A televisión portuguesa emite amplos debates despois das noticias, a xente fala e comenta a pé de rúa, e un taxista de non máis de trinta anos díxome que "Segundo Platón, a República devía ser a coisa pública, máis é falácia: agora nada é público" Certo. Falando cos lisboetas, paseando as súas rúas e desafiando a dieta cos múltiples praceres gastronómicos da súa cociña, volvín a pensar en España e Portugal. En Franco e en Salazar. Nos caravéis dos fusís dos capitáns e nun velliño murcho desangrándose nas alfombras de El Pardo camiño do hospital. Na República que trouxo a revolución e na Monarquía edulcorada que trouxo a Transición. Penso, agora, neste xeito combativo e crítico dos portugueses perante a crise, e penso nas horas e horas de telelixo que vomitan as canles de televisión españolas. E pregúntome... terá que ver unha cousa coa outra?

Se cadra, é momento de darlle as costas a Madrid e mirar, sen anteollos, para Portugal...  

0 comentarios